CRTVG

Buscar

PSOE e Unidas Podemos desbloquean os presupostos ao pactar a nova lei de vivenda

Publicado o 05/10/2021 16:53

As dúas formacións que integran a coalición de goberno, PSOE e Unidas Podemos, alcanzaron este martes un acordo para aprobar os orzamentos xerais do Estado de 2022 e a lei de vivenda.

A lei de vivenda era un dos principais requisitos expostos por Unidas Podemos para avanzar na aprobación das contas públicas, que deberán ser aprobadas en primeiro lugar no Consello de Ministros para pasar posteriormente ao Congreso dos Deputados para a súa votación.

O acordo chega fóra de prazo, que establece que os orzamentos teñen que chegar á cámara baixa antes de finais de setembro, e despois de semanas de negociacións entre os dous socios do Goberno de coalición, aceleradas nos últimos días.

O Goberno aprobará este xoves, nun Consello de Ministros extraordinario, o proxecto de presupostos xerais, segundo explicou o ministro da presidencia Felix Bolaños, quen dixo que a intención é que estean aprobadas as contas antes do 31 de decembro.

Un tipo mínimo do 15 % no imposto de sociedades

Bolaños tamén confirmou que o proxecto de Presupostos incluirá un típo mínimo do 15 % no imposto de sociedades para "adaptarse ao consenso internacional".

O ministro asegurou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros deste martes que esta medida vai á marxe de que "hai unha reforma fiscal en curso".

Tope aos prezos dos alugueiros dos grandes propietarios

O acordo entre o PSOE e Unidas Podemos, segundo asegura a Axencia EFE, inclúe a regulación de prezos do alugueiro para baixalos por lei en base ao índice de referencia para todos os contrato nas zonas de mercado tensionado e a retirada de privilexios fiscais.

Para os pequenos propietarios -un dos aspectos que preocupaba moito aos socialistas- conxélanse os prezos e incentívaselles para que baixen a renda aos seus inquilinos.

Contémplase un imposto para gravar a vivenda baleira a través da recarga do IBI ata o 150 %, que poderán aplicar os concellos.

A nova lei aposta polo parque público de alugueiro, cunha reserva do 30 % de todas as promocións para vivenda protexida (deste 30 %, a metade irá destinado a alugueiro social).

Bono de vivenda para os máis novos

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este martes a creación dun bono vivenda dotado con 250 euros mensuais destinado aos mozos de entre 18 e 35 anos e con rendas inferiores a 23.725 euros para facilitar a súa emancipación.

O bono estará vixente durante os dous próximos anos, detallou Sánchez, quen adiantou ademais que o bono vaise complementar con máis axudas directas ao alugueiro de ata o 40 por cento do seu valor para as familias máis vulnerables.

Ditas medidas forman parte dese acordo alcanzado entre os socios de goberno para aprobar unha lei estatal de vivenda, un "fito sen precedentes" na acción lexislativa que vai "ofrecer cobertura xurídica á vivenda social e a vivenda protexida", dixo Sánchez.

O PP acusa o Goberno de intervir a vivenda

O PP acusou o Goberno de coalición de pactar unha lei de vivenda que supón un "ataque sen precedentes á propiedade privada", que intervén o mercado inmobiliario e dá inseguridade xurídica.

En conferencia de prensa no Congreso, a portavoz do grupo parlamentario do PP, Cuca Gamarra, incidiu en que "as consecuencias de intervir o mercado inmobiliario" repercutirá no investimento estranxeiro.

"É un ataque sen precedentes á propiedade privada. Un principio que defende o PP e ten o compromiso de loitar por el e defendelo", avisou Gamarra, tras afirmar que "temos un Goberno con comunistas que interveñen un día si e outro tamén os mercados".

ERC avisa que eles son imprescindibles

O portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, valorou que haxa un acordo no Goberno de coalición arredor dos orzamentos xerais do Estado de 2022 e sobre todo no tema de vivenda, pero avisou de que a súa formación se fai imprescindible para poder sacalos adiante.

"Oxalá sexa un bo acordo que chegue á xente", dixo Rufián en conferencia de prensa no Congreso tras coñecer que se pechara o acordo.

Con todo, incidiu en que "hai máis cousas a vivenda" e puxo en valor a "forza negociadora" que ten ERC: "Fainos imprescindibles para aprobar moitas cousas".

Noticias web

05/10/2021