CRTVG

Buscar

PSOE e PP rompen as negocacións para renovar o CXPX

Publicado o 26/02/2021 10:01

As conversas para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial saltaron polos aires cando máis preto parecía o acordo. O Partido Popular negouse a aceptar dous nomes propostos polo executivo: un é Ricardo de Prada, un dos xuíces da Gürtel. O PP argumenta que sería ilegal porque a Moncloa quere incluílo no cupo reservado para os xuristas. E o outro é Victoria Rosell, delegada do Goberno contra a violencia de xénero e próxima a Podemos. Os populares cren que aceptala suporía permitir as portas xiratorias entre política e xustiza. Ven nos dous nomes un reflexo das liortas dentro da coalición.

Enrique López, secretario de Xustiza e Interior do PP, pide que "cando rematen con estas pelexas e as resolvan, que chamen o Partido Popular. O que non pode facer o presidente do Goberno é reforzar a súa coalición con Podemos sacrificando a xustiza española e o Poder Xudicial español".

Unidas Podemos cre que o problema do PP son Bárcenas e outros casos de corrupción que están nos tribunais.

Segundo Jaume Asens, de Unidas Podemos, "para o Partido Popular é unha cuestión de supervivencia seguir controlando e secuestrando o goberno dos xuíces".

O presidente do Goberno non entende a postura popular no mesmo día do pacto para renovar a cúpula de Televisión Española.

Pedro Sánchez dixo que "cando se demostrou que é posible acordo aínda ten menos sentido o poder actual, aínda é máis inxustificable. Falar de vetos non é a maneira de propoñer unha negociación".

O Consello Xeral do Poder Xudicial acumula xa case 2 anos e 3 meses co mandato prorrogado.

 

 

Noticias web

26/02/2021