CRTVG

Buscar

PSOE e PP renovan o Constitucional, que mantén a maioría conservadora

Publicado o 21/10/2021 21:18

• O pacto pon fin a dous anos de bloqueo no TC

• Acordan que Ángel Gabilondo sexa o novo Defensor do Pobo

 

PSOE e PP renovan o Constitucional, que mantén a maioría conservadora
EFE

O PSOE e o PP acordaron a renovación de catro membros do Tribunal Constitucional, pendente desde 2019, e pactaron ademais o recambio para doce conselleiros do Tribunal de Contas, ademais de situar a Ángel Gabilondo como futuro Defensor do Pobo. Fontes do PSOE e do PP fixeron un anuncio conxunto dos nomes que renovarán estas tres institucións e a Axencia de Protección de Datos. O pacto con todo non alcanza o Consello Xeral do Poder Xudicial, onde ambos manteñen posturas afastadas: o PP pide un cambio no método de elección e os socialistas queren manter o sistema vixente. 

O acordo alcanzado entre o PSOE e o PP permite desbloquear a renovación do Tribunal Constitucional cando tres dos seus maxistrados, incluídos o presidente e a vicepresidenta, estaban a piques de alcanzar os dous anos de prórroga dos seus mandatos, que caducaron en novembro de 2019. O cuarto, Fernando Valdés, tivo que dimitir o pasado ano ao ser procesado por un caso de malos tratos.

Suporá a incorporación de catro novos maxistrados: Enrique Arnaldo Alcubilla, letrado das Cortes; Concha Espejel, presidenta da Sala do Penal da Audiencia Nacional; Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, e Juan Ramón Sáez Valcárcel, maxistrado da Audiencia Nacional. Nun texto compartido, tanto o PP como o PSOE destacaron que todos os nomes propostos son "de consenso" e "profesionais de prestixio recoñecido e unha dilatada traxectoria profesional".

A renovación non alterará substancialmente a repartición de maiorías no tribunal de garantías, cun sector conservador predominante, pero corrixirá a anomalía de contar cun maxistrado menos e dará osíxeno a un tribunal cun ambiente enrarecido nos últimos meses. De feito, os tres maxistrados saíntes —Juan José González Rivas e Andrés Oleiro, do bloque conservador, e Encarnación Roca, proposta no seu momento polo PSOE— votaron recentemente en contra da posición dos seus bloques en asuntos de gran transcendencia, como a constitucionalidade do primeiro estado de alarma.

Os conservadores manteñen unha maioría de 7 a 5 no pleno á espera da renovación doutros catro membros en 2022 (os maxistrados do TC teñen mandatos de nove anos e as renovacións acométense de catro en catro cada tres anos). Sobre a mesa hai asuntos tan relevantes como a eutanasia, o segundo estado de alarma, a lei Celaá ou o aborto.

O novo presidente sairá, segundo unha norma non escrita que determina que se elixe entre os catro maxistrados que se atopan no último terzo do seu mandato, de entre os conservadores Pedro González-Trevijano, Antonio Narváez e Santiago Martínez-Vares e o progresista Juan Antonio Xiol. Segundo as fontes consultadas por EFE, González-Trevijano é quen conta con máis papeletas para asumir a presidencia, aínda que por pouco tempo, dado que forma parte da cota que deberá ser renovada en 2022, cando entón si os socialistas esperan rematar o cambio de maiorías no TC. Ata entón, Xiol será previsiblemente o vicepresidente do tribunal.

 

 

 

Noticias web

21/10/2021