CRTVG

Buscar

PSOE e PP non logran un acordo para o pacto de reconstrución

Publicado o 02/07/2020 22:51

O PSOE e o PP non conseguiron alcanzar un acordo sobre as conclusións da comisión de reconstrución tras o coronavirus que mañá, venres, se reúne para aprobar un ditame final. Segundo fontes socialistas, o PP non apoia ningún dos textos elaborados polos catro grupos de traballo da comisión, centrados nos ámbitos de sanidade, políticas sociais, economía e a UE.

Con todo, as fontes precisaron que o Goberno e o grupo parlamentario socialista seguirán dialogando e negociando co PP e co resto de forzas políticas co obxectivo de alcanzaren grandes acordos transversais de Estado para superar as consecuencias sanitarias, sociais e económicas da pandemia.

As negociacións estiveron encabezadas pola portavoz socialista Adriana Lastra e o secretario xeral do grupo Rafael Simancas por parte do PSOE e polo secretario xeral de Presidencia Félix Bolaños xunto ao secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Antonio Montilla, por parte do Goberno. Os seus interlocutores no PP foron a vicepresidenta do Congreso Ana Pastor e o secretario xeral do grupo popular, Guillermo Mariscal.