CRTVG

Buscar

PSOE e Unidas Podemos inician a reforma legal para desbloquear a renovación do Poder Xudicial

Publicado o 13/10/2020 20:45

O PSOE e Unidas Podemos queren reducir de 3/5 a maioría absoluta o apoio necesario para renovar a 12 dos 20 membros do Consello Xeral do Poder Xudicial. É dicir, que os nomeamentos que agora precisan 210 votos a favor poidan sair adiante con 176. Tamén queren que o órgano de goberno dos xuíces non poida facer nomeamentos unha vez caducado o seu mandato. Xustifícano polos dous anos de interinidade que cumpre este órgano pola falta de acordo co PP.

Adriana Lastra, voceira do PSOE no Congreso, dixo que "non podemos permitir manter bloqueado o goberno do poder xudicial a causa de cálculos partidistas que actúan contra o propio mandato constitucional de renovar os órganos constitucionais".

Segundo Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso, "esta proposición de lei ao que vén é a protexer o poder xudicial do desprestixio que se lle causa cando se bloquea a súa renovación constitucional"

Os populares di que a reforma é unha fraude coa que o Goberno busca alterar pola porta de atrás o principio de separación de poderes.

Cuca Gamarra, voceira do PP no Congreso, cre que "quere romper o que son as regras do xogo pero sobre todo o que quere é impoñer unha ditadura. Só un ditador considera que as únicas maiorías viables son as que el ten"

Tanto o PP como VOX recurrirán ao Tribunal Constitucional se a reforma prospera. PSOE e Unidas Podemos confían en sacala adiante en 2 meses.