PSOE e UP propoñen unha comisión sobre o prezo da luz e Yolanda Díaz chama a "coidar a coalición"
O PSOE e Unidas Podemos rexistraron esta mañá a creación dunha comisión para o estudo do prezo da luz. A proposta non inclúe unha lista de comparecentes, pero o Ministerio de Teresa Ribera agarda que pasen polo Congreso as compañías eléctricas.
A idea orixinal é de Más País, Compromís e Nueva Canarias, e foi impulsada polo grupo socialista. É unha iniciativa conxunta dos socios do Goberno tras os desencontros dos últimos días. "O mellor espazo para ver diferentes propostas, entre elas a que acaba de presentar Podemos, é no Congreso nesa comisión", dixo Felipe Sicilia, voceiro adxunto do PSOE no Congreso.
Ese movemento unilateral de Podemos, o rexistro da lei para crear unha empresa pública de enerxía, causou malestar nos socialistas, que souberon da medida pouco antes. Pero a estratexia dos morados tampouco semella compartida pola vicepresidenta segunda. Yolanda Díaz, a figura máis visible de Unidas Podemos no Executivo, lanza unha recomendación: "Os grupos teñen dinámicas propias, creo que hai que coidar a coalición".
O Partido Popular di que esta división atrasa a solución do problema: "Alguén nos pode dicir que coherencia hai nisto? Parte do Goberno maniféstase contra a outra parte", preguntouse Pablo Casado.