CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos manteñen o pulso nas negociacións de cara a unha investidura de Sánchez

Publicado o 23/06/2019 14:53

A vindeira semana cúmprense dous meses das eleccións xerais e as negociacións para a investidura parece que seguen encalladas...

O xornal El País titula hoxe "O futuro papel de Iglesias condiciona a investidura" e engade que "as negociacións para formar xa Goberno fréanse polas demandas do líder de Podemos". Asegura que Pedro Sánchez non quere un Pablo Iglesias "incontrolable", cun "gran tirón mediático", no Consello de Ministros. Temen a súa postura, se estivera no goberno, cando saia a sentenza do xuízo do procés. Desde Podemos aseguran que todo se pode pactar, incluída a postura sobre Cataluña

E ante esta situación paira a ameaza de novas eleccións... Os socialistas aseguran que Pedro Sánchez "non vai de farol". Na mesma liña informa El Mundo, di que "a cúpula e os baróns do PSOE vetan a Pablo Iglesias como ministro". E asegura que "dous meses despois do eufórico 28-A confírmase o que algún socialista advertiu entón: (coa frase de) "Ímolo ter negro para gobernar", (a pesar dos 123 escanos acadados.)

Segundo La Vanguardia, o PSOE "si se cuestiona" "ofrecer ministerios a Podemos pero con Pablo Iglesias fóra do Goberno", e engade que "Pedro Sánchez mantén a oferta oficial de "sottogoverno" e di estar á espera de resposta", en referencia aos cargos intermedios ofrecidos á formación morada pero sen carteiras ministeriais.

Sánchez e Iglesias supostamente non volveron ter contacto desde o luns pasado, cando se reuniron na Moncloa... e os seus respectivos equipos "non estarían aínda negociando o programa dunha posible lexislatura de colaboración". No esquema de Podemos parece que cadraría mesmo unha vicepresidencia social, e estarían á espera de que o presidente do goberno en funcións convocase outra reunión.

Cada un mide as súas forzas, aínda que todos coinciden en que "están condenados a entenderse" para acadar unha "lexislatura estable" con "políticas progresistas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/06/2019