CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos arrebátanlle ao PP e a C's o control da Mesa do Congreso

Publicado o 08/05/2019 08:34

PSOE e Podemos faranse coa maioría na Mesa do Congreso, que na anterior lexislatura controlaban PP e Ciudadanos. É unha das conclusións ao remate da rolda de contactos en que o presidente en funcións, Pedro Sánchez, tomou o pulso da relación entre partidos para a próxima lexislatura.

Iglesias sae de Moncloa disposto a pactar co PSOE. Rivera, preparado para dar a batalla polo liderado da oposición, e Casado inaugura unha nova etapa de interlocución co Goberno nun ton máis conciliador. 

Máis dunha hora e media con Pablo Casado, cincuenta minutos con Albert Rivera e máis de dúas horas con Pablo Iglesias. A duración destas reunións pode ser un dos indicativos de como parte esta lexislatura a relación entre partidos. De momento, o presidente en funcións e o líder de Podemos acordan usar a nova aritmética parlamentaria para arrebatarlle a PP e Ciudadanos o control da mesa do Congreso, en que aínda está por ver se Irene Montero e Adriana Lastra negociarán tamén a entrada dalgún partido nacionalista.

Polos demais, nunha brevísima conferencia de prensa Iglesias informa de que as esquerdas están dispostas a entenderse: "Estamos de acordo en que hai que falar con todos os actores políticos e na necesidade de inaugurar unha nova época en España en que o diálogo substitúa a sobreactuación. Puxémonos de acordo en poñernos de acordo e digamos que estes procesos son longos e agora toca prudencia, discreción e tranquilidade", dixo o líder de Unidas-Podemos.

"Estamos apostando por un goberno do Partido Socialista, con acordos programáticos, neste caso con Podemos", matizou José Luis Ábalos, o secretario de Organización do PSOE.

No medio da polémica por escoller a Moncloa e non o Congreso para esta rolda de contactos, Sánchez tamén cualificou de positiva a reunión con Casado, que lle pediu non pactar cos independentistas e acordou abrir co Goberno un diálogo sobre Cataluña, afastado dos enfrontamentos dialécticos dos últimos meses. Casado chegou a pedir a abstención de Rivera para facilitar a investidura de Sanchez.

"Nós non podemos facilitar este goberno pero podemos entender que outros partidos que respectan a Constitución e a unidade de España consideren facelo", explicou o presidente do PP. 

"Bastante ten o señor Casado co que ten como para que eu lle meta o dedo no ollo", respondeu o presidente de Ciudadanos. "Eu estou máis preocupado polos españois e por que oposición imos facer que coa crise interna ou a descomposición do Partido Popular. Creo que o que dixo Casado fala por si mesmo. Que decidan os españois se un líder político ten que dicir o que ten que facer outro líder, pero el non facelo", molestouse.

Despois, Rivera cualificou de chiste que o PP lle pida facilitar un goberno de Sánchez, presentouse en Moncloa disposto a facer de líder da oposición e ofrecendo pactar un 155 para Cataluña.

A resposta no PP non se fixo esperar. Cuca Gamarra. a ressponsable de Campaña do PP, lembrou que "o 155 actívase desde o Senado e para podelo activar hai que ter un número suficiente de senadores e Ciudadanos ten catro senadores, iso si que é un chiste".

Casado cualificou de "pueril" o empeño de Rivera en presentase como líder da oposición e dixo que a tarefa lle corresponde ao segundo partido en votos. Mentres, ofrece unha oposición firme pero unha interlocución con Moncloa en temas de Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019