CRTVG

Buscar

PSOE e Marea Atlántica asinan un acordo político e non descartan cogobernar A Coruña

Publicado o 05/07/2019 14:49

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, e a edil da Marea Atlántica María García asinaron este venres o acordo político e programático para o inicio do mandato e non descartaron ningunha das dúas a posibilidade dun cogoberno nos próximos catro anos.

"Iniciamos este mandato en solitario pero coa man tendida e a nosa porta permanece aberta ás modificacións que se poidan dar durante o mandato", abundou Rey en rolda de prensa tras a rúbrica do acordo, que tamén contempla o respaldo ás contas da cidade. Aínda que nun principio non se deron as posibilidades de formar goberno coa Marea Atlántica ou co BNG, "de aquí á metade de mandato as circunstancias poderían variar", indicou a rexedora.

Igualmente, a edil da Marea Atlántica dixo  que, aínda que o importante é fixar "políticas relevantes" para A Coruña, "non hai ningunha porta pechada". "Aquí iníciase un camiño que oxalá resulte ben para establecer novos retos", engadiu María García.

O acordo asinado este mediodía contempla medidas como o impulso á área metropolitana ou a recuperación do bordo litoral, e o compromiso para iniciar en setembro a negociación dos orzamentos do ano 2020.

Noticias web

05/07/2019