PSOE e ERC constatan "avances" nas negociacións para investir a Sánchez
Sánchez non ten aínda os apoios necesarios para ser investido. A terceira xuntanza entre o PSOE e Esquerra Republicana rematou sen acordo, aínda que as dúas partes admiten que hai avances para encamiñar, din, o conflito político de Cataluña. Así o aseguraron nun comunicado conxunto tras a reunión que mantiveron esta mañá en Barcelona. Os dous partidos emprázanse a outra xuntanza, aínda sen data.
A reunión dos equipos negociadores do PSOE e de Esquerra Republicana durou case tres horas, e rematou cun comunicado conxunto que pouco desvela sobre o estado das negociacións. Os dous partidos limítanse a dicir que hai avances á hora de definir os instrumentos que encarrilen o conflito político de Cataluña, pero sen especificar máis. E falan de cordialidade, respecto e recoñecemento institucional entre eles.
Ambos partidos emprázanse a unha próxima xuntanza, sen data nin lugar. O PSOE asume que, así as cousas, a posibilidade de que haxa unha investidura antes do Nadal está cada vez máis lonxe.
Carmen Calvo, PSOE: "Ninguén está nunha operación nin de atraso nin de présa, senón de atopar un acordo razoable que permita ter unha investidura o antes posible".
En Cataluña, os CDR métenlle presión a Esquerra e asumen a autoría desta pintada diante da sede dos republicana. "A autodeterminación é un dereito, non se negocia", din. Nun comunicado, os CDR tachan as negociacións co PSOE como unha fraude, un insulto e un menosprezo ao pobo catalán.