CRTVG

Buscar

Socialistas e populares rexistran unha moción de censura para desbancar o BNG da alcaldía de Catoira

Publicado o 03/03/2020 12:55

• O PPdeG desautoriza a moción

Socialistas e populares rexistran unha moción de censura para desbancar o BNG da alcaldía de Catoira

Os grupos municipais de PSOE e PP presentaron unha moción de censura contra o alcalde de Catoira, o nacionalista Xan Castaño, que obtivo o bastón de mando tras recibir os votos dos populares na sesión de investidura celebrada en xuño de 2019.  

Na mañá deste martes, segundo confirmaron fontes municipais, os portavoces de PP, Iván Caamaño, e PSOE, Alberto García, rexistraron en sede consistorial o escrito de moción de censura, cuxos detalles serán presentados nunha conferencia de prensa que terá lugar nas próximas horas.  

Socialistas, con cinco edís, e populares, con tres, suman oito do once concelleiros que compoñen a corporación arousá, gobernada desde xullo en solitario polo BNG a pesar de ter só tres representantes no consistorio.  

Os nacionalistas contaron na sesión de investidura co tres votos do PP, o que supuxo o fin do tres décadas do socialista Alberto García á fronte do concello arousán. O apoio dos populares a Castaño motivou a apertura dun expediente por parte da Executiva Nacional do BNG por unha posible violación das directrices sobre pactos dos seus estatutos.  

A dirección da formación frontista impuxo, finalmente, unha sanción de seis meses de suspensión de militancia logo de ser atendidas as alegacións presentadas polos seus representantes locais, que negaron a existencia dun acordo co PP para facerse co bastón de mando da localidade. O castigo expirou a medidados do pasado mes de decembro ao empezar a contar xusto despois da sesión de investidura. 

O Partido Popular desautoriza a moción de censura

O presidente do Partido Popular en Pontevedra, Alfonso Rueda, desautorizou a moción de censura que presentarán edís do PP e do PSOE contra o alcalde do BNG no municipio pontevedrés de Catoira.

Esta moción, segundo sinalou Rueda a preguntas dos xornalistas, non foi "consensuada nin autorizada" pola dirección provincial do partido.

O dirixente do PP engadiu que o partido "non está de acordo" co pacto alcanzado entre os seus concelleiros e os da formación socialista e avanzou que "tomaremos as medidas oportunas".

Alfonso Rueda, que afirmou descoñecer os "argumentos" dos seus edís para apoiar esta moción de censura, recoñeceu que este acordo "pode non ser beneficioso" para os intereses do PP.

"Tentamos ser serios", defendeu Rueda, que censurou que ante un "paso tan importante" os concelleiros "asinantes" por parte do PP non se dirixiron ao partido.