CRTVG

Buscar

PSdeG e BNG asinan un acordo para gobernar a Deputación da Coruña

Publicado o 01/07/2019 09:05

Este luns constitúese a Deputación da Coruña, e o PSdeG e o BNG asinaron hoxe un acordo de coalición para renovar o goberno desta administración. Valentín González Formoso será de novo o candidato socialista á presidencia e o nacionalista, Xosé Regueira, serao á vicepresidencia.

Despois das eleccións municipais, os socialistas terán once deputados e os nacionalistas catro. O PP suma catorce, Marea Atlántica un e Alternativa dos veciños outro.
No acordo presentado hoxe, PSdeG e BNG coincidiron en continuar coa xestión feita nos últimos catro anos e co bo entendemento na coalición. Insistiron en que a función da Deputación debe ser garantir a igualdade de todos os concellos na prestación dos servizos básicos e, en particular, o desenvolvemento dos municipios máis pequenos.

"Este goberno que hoxe se conforma a partir deste acordo que acabamos de asinar baséase precisamente nese documento que asinamos e tamén sobre a experiencia destes últimos catro anos de goberno. Unha experiencia que foi moi satisfactoria nos dous sentidos: no interno e a nivel de relación e tamén na xestión e nos cambios que se deron nese goberno." Afirmanba  Bernardo Fernández, portavoz do PSdeG na Deputación da Coruña.

"Os cambios que se deron nesta administración foron moi positivos tanto para as propias administracións locais como para as persoas que viven nelas. E non só a nivel orzamentario. Creo que se avanzou claramente nas políticas de benestar." Di Xosé Regueira, portavoz do BNG na Deputación da Coruña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/07/2019