CRTVG

Buscar

PSdeG, BNG e Galicia en Común suspenden os actos de campaña na Mariña

Publicado o 03/07/2020 18:18
PSdeG, BNG e Galicia en Común suspenden os actos de campaña na Mariña

Partido Socialista de Galicia decidiu suspender os seus actos electorais na comarca da Mariña ante os rebrotes de coronavirus que afectan a esta zona.  O candidato á Presidencia da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á "responsabilidade" dos cidadáns e asegurou que a súa formación "extremará todas as medidas" de seguridade polo que non realizará actos nesta zona.   

Ademais, o socialista considerou que "sería positivo" que o presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, informase o "líder da oposición" do que está a ocorrer en relación aos rebrotes en Galicia para poder facer un seguimento. 

"Nós eramos partidarios de esperar a que se producise toda a desescalada e despois asentar a nova normalidade para ver como era a evolución do virus antes de convocar as eleccións", explicou Gonzalo Caballero, que volveu a criticar a "decisión unilateral" de Feijóo e pediu aos cidadáns que "extremen as precaucións".

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, anunciou que a formación nacionalista, que tiña previsto entre outros un mitin esta fin de semana, cancelou todos os actos públicos de campaña na Mariña ante o rebrote de coronavirus rexistrado na zona. Avanzouno nun acto na Coruña, en que preguntou ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, "onde está o protocolo do Goberno da Xunta para afrontar un rebrote que está a ser moi importante".

"Onde está o plan do Goberno ante un rebrote da pandemia na Mariña, cando estamos a falar dunha cuestión de saúde dos galegos", cuestionou Ana Pontón, quen dixo que "tivo catro meses para facelo". A líder nacionalista tamén envía unha mensaxe de "ánimo, tranquilidade e de confianza" ás persoas afectadas polo novo coronavirus na Mariña.

Galicia en Común-Anova Mareas suspendeu os actos previstos na Mariña para os próximos días debido ao rebrote de coronavirus que se rexistrou nesta comarca do norte lucense, entre eles, o mitin que o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras tiña previsto ofrecer en Viveiro.   Precisamente, a través dun vídeo, Beiras comunicou esta decisión e pide "desculpas" aos cidadáns de Viveiro. 

No vídeo, en que está acompañado pola cabeza de lista de Galicia en Común por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Manuel Beiras reprocha ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, esta situación por convocar eleccións cando eran previsibles, dixo, estes "rebrotes". 

"Todo isto é culpa dos gobernos do Estado durante estes anos (en referencia á situación da Mariña) e culpa de Feijóo, que, ademais, convoca estas eleccións a pesar dos posibles rebrotes, como o que está a ocorrer na Mariña e puxo por diante os seus intereses oportunistas por diante do respecto e dos intereses dos cidadáns e do resto de formacións políticas", recriminou Beiras, quen dixo que debeu esperar "a que pasase de verdade a pandemia".  

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán-Vello encadrou a decisión de suspender os actos previstos en Ribadeo e Viveiro no "respecto escrupuloso" aos cidadáns da Mariña.

"Por precaución e por estar situados na responsabilidade que temos como formación política coas persoas, a saúde, e os cidadáns da Mariña e de todo Lugo", sentenciou