CRTVG

Buscar

PSA Vigo proxecta un segundo ERTE en dúas etapas ata final de ano

Publicado o 07/04/2020 07:09

A dirección da fábrica do Grupo PSA en Vigo trasladou este luns aos sindicatos a súa proposta dun novo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) diferente ao agora vixente, vinculado ao estado de alarma, que se desenvolvería en dúas etapas e só englobaría o persoal a tempo completo.

A primeira etapa deste novo  ERTE por causas organizativas e produtivas desenvolveríase desde o arranque da actividade, previsto para o 20 de abril, ata agosto, e a segunda, desde ese mes ata final de ano, informaron a Efe fontes sindicais e da dirección.

En total, solicitaranse 90 días de ERTE, 55 para a primeira fase, definida pola dirección como de "recuperación progresiva" da actividade, e outros 35 para a segunda ante a previsión dunha caída da demanda de arredor do 30 %, na media dos prognósticos máis optimistas e os máis pesimistas, puntualizan fontes da empresa.

Este novo ERTE só entraría en vigor se o vinculado a causas de forza maior (pola pandemia do coronavirus) deixase de aplicarse.

Segundo a formulación da dirección, a primeira etapa deste segundo ERTE xustifícase nos axustes que serán necesarios para o arranque paulatino da actividade, cunha quenda por liña durante as dúas primeiras semanas, dúas nas dúas seguintes e a incorporación posterior da quenda de noite.

O cuarto equipo iniciaría a súa actividade en xullo se se confirma a data de arranque actual.

A segunda etapa do novo ERTE arguméntaa a dirección na produtividade, en función da situación de recuperación do mercado.

Os sindicatos demandan que este segundo ERTE tamén inclúa os traballadores eventuais e a tempo parcial.

De momento, non se puxo sobre a mesa o nivel de compensación ao que se comprometerá a empresa. No ERTE en vigor por causa de forza maior ese nivel é do 80 % do salario bruto.

As partes volveranse reunir o mércores coa idea de chegaren a un acordo o venres.