CRTVG

Buscar

PSA estende a suspensión dunha quenda nocturna aos dous domingos vindeiros

Publicado o 10/11/2020 13:53
PSA estende a suspensión dunha quenda nocturna aos dous domingos vindeiros

A factoría do Grupo PSA en Vigo estenderá a suspensión da quenda de noite que comezou o pasado domingo aos dous próximos, ante as "previsións á baixa" da demanda, segundo informan fontes da empresa.

A suspensión aféctalle ao sistema de produción 2, que é o que ensambla os vehículos comerciais de Peugeot, Citroën e Opel.

Esta medida afecta uns 700 traballadores, e xa foi comunicada ao comité de empresa. Adóptase porque "se mantén un panorama incerto de produción nun contexto xeneralizado de peche dos mercados europeos e cunhas previsións á baixa".

Polo tanto, para adaptarse a ese contexto, a factoría de Balaídos cancela a citada quenda os días 15 e 22 e manteno, en principio, para o 29 nos seus dous sistemas de produción "para o caso de recuperación de perdas en novembro".

A compañía engade que de ter que anular tamén esa xornada "comunicaríase o máis axiña posible", e que a previsión actual para decembro "ten a mesma orientación".

A factoría de Vigo viña traballando desde comezos de outubro a pleno rendemento coa posta en marcha da cuarta quenda do sistema de produción 1, onde se ensamblan os modelos Peugeot 2008.

Xa a semana pasada fontes sindicais dicían temer por que este sexa "o primeiro síntoma" da translación das medidas de confinamento adoptadas en diversos países de Europa á actividade da automoción. 

"Tememos que logo virán outros, non sabemos de que calado", sinalan desde o comité de empresa de PSA Vigo.