CRTVG

Buscar

PSA activará dúas novas quendas en outubro e novembro para producir o novo Peugeot 2008

Publicado o 03/09/2019 17:32
PSA activará dúas novas quendas en outubro e novembro para producir o novo Peugeot 2008

A planta de PSA Peugeot Citroën Opel en Vigo ultima a contratación de 1.200 operarios que se incorporarán nos meses de outubro e novembro, co fin de poder desenvolver a industrialización do novo modelo, o Peugeot 2008, segundo trasladou a dirección da fábrica aos sindicatos este martes, na reunión da Comisión de Emprego da factoría, e segundo anunciara a empresa cando presentou o novo vehículo.

Así, a previsión de PSA Vigo é que, en outubro, poñerase en marcha un segundo equipo na liña M1 (que monta tamén os modelos C- Elysée e Peugeot 301), formado por uns 600 operarios, algúns dos cales xa foron contratados e están a ser formados.

A partir de aí, e co aumento da cadencia de produción do novo vehículo, está prevista a ampliación da actividade a unha terceira quenda, a quenda de noite, que empezará a traballar en novembro e tamén estará formado por uns 600 empregados.

O Peugeot 2008 é un todo camiño que terá versión térmica (diésel e gasolina) e versión 100 % eléctrica. As primeiras sairán ao mercado a finais de 2019, e a versión eléctrica farao a comezos do ano que vén.

A planta viguesa xa está a fabricar as preseries deste modelo e en outubro iniciarase a produción en serie, aumentando a cadencia progresivamente, ata alcanzar o máximo de capacidade da liña.

Durante a presentación en sociedade do novo modelo, en xuño pasado, o director da fábrica, Ignacio Bo, avanzou que se prevé chegar ás 640 unidades diarias. Este SUV compacto, que tamén se producirá en Wuhan (A China) para o mercado asiático, constrúese sobre a nova plataforma modular multienerxía CMP, que permite producir as tres versións de motorización na mesma liña de montaxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí