CRTVG

Buscar

Barcelona blíndase ante a visita do Rei e polas protestas convocadas o día de reflexión

Publicado o 04/11/2019 10:22

Varios centos de persoas manifestáronse tras seren convocados polos CDR

Un amplo dispositivo de seguridade blindará hoxe a cidade de Barcelona ante a visita do Rei e a súa filla Leonor para a entrega dos premios Princesa de Xirona esta tarde. Centos de persoas cortaron onte á noite a Diagonal e participaron nunha cazolada ante o Palacio de Congresos, onde se celebrará esta tarde o acto. 

Unha cazolada ante o hotel Juan Carlos I e logo tamén ante o Palacio de Congresos son os primeiros actos de protesta ante a presenza da familia real en Cataluña. Convocáranos os autodenominados Comités de Defensa da República, os CDR, apoiados por outras plataformas independentistas. Como medida preventiva, todo o perímetro xa fora valado desde primeiras horas da tarde polas forzas de seguridade e tamén se cortara o tráfico por un dos carrís da Diagonal. 1.300 axentes, entre Mossos d'Esquadra e Policía Nacional, formarán parte do dispositivo de seguridade no Palacio de Congresos. Tamén se reforzará a estación de Sants e o aeroporto do Prat. Volveranse protexer outros puntos habituais de protestas, como a Delegación do Goberno ou a Xefatura de Policía.

Os estudantes que levan toda a semana de acampada na praza Universitat de Barcelona tamén se sumaron á protesta. Tamén se achegaron ao lugar cinco persoas cunha bandeira española, que marcharon pouco despois entre insultos.

Esta será a primeira visita do Rei a Cataluña desde que se coñeceu a sentenza do procés e está previsto que permaneza alí ata o martes. A princesa Leonor, que visita por primeira vez Barcelona, presidirá canda os seus pais as celebracións do décimo aniversario dos Premios Princesa de Xirona e espérase que pronuncie un discurso que podería conter frases en catalán.

Junts per Catalunya e Esquerra pediran que se aprazase a entrega destes premios para que non se celebrase en campaña electoral, pero a Xunta Electoral Provincial de Barcelona rexeitou o recurso, ao considerar que Filipe VI non ten adscrición política.

O reforzo da seguridade manterase toda a semana, sobre todo o sábado. O movemento independentista anunciou mobilizacións para o día de reflexión. Tsunami Democràtic chamou a desobedecer a Xunta Electoral Central e convocou unha concentración na praza de Cataluña para ese día. O Ministerio de Interior xa deu instrucións para evitar que se ocupen os colexios electorais. Para iso, ao longo desta semana irán chegando a Cataluña outros 2.500 policías nacionais e case 2.000 gardas civís para sumarse ao extraordinario dispositivo de seguridade.

Noticias web

04/11/2019