CRTVG

Buscar

Os feirantes reclaman máis información e axudas

Publicado o 02/06/2020 14:54

Justo ten 41 anos, xa os seus avós eran feirantes e toda a súa familia se dedica a isto. A chegada da COVID-19 paralizouno todo, tamén o seu xeito de gañar a vida. Este verán non hai feiras nin festas nas que traballar, nin perspectivas de cando poderán facelo.

"O peor que temos é que non sabemos cando nos toca empezar a traballar, que é o que queremos. Temos todos os gastos feitos da temporada, atraccións revisadas, enxeñeiros pagados, seguros pagados, camións con ITV, todo feito, e ese diñeiro xa o perdimos. Se non imos poder traballar, que nos digan qué tipo de axudas nos van dar", di o feirante Justo Gómez.

A de Óscar é a quinta xeración de churreiros na súa familia. As feiras son a súa vida. Insiste en que o queren é poder traballar. Di que por iso hoxe saen ás rúas.

Óscar é feirante e di: "É unha situación pois totalmente desconcertante, non sabemos o que imos facer da vida, non se nos comunica nada, non estamos na terceira fase, na nova normalidade, non constamos por ningún lado. Que nos digan algo, porque a incerteza é o que nos mata".

As protestas dos feirantes deixáronse escoitar hoxe en Ourense e Pontevedra. Din que seguirán adiante coas súas reivindicacións ata que alguén lles dea as respostas que precisan.

Noticias web

02/06/2020