CRTVG

Buscar

Protestas contra a lei Celaá en máis de 30 provincias, co apoio do PP, Cs e Vox

Publicado o 22/11/2020 14:48

En Madrid realizouse o acto central da protesta contra a coñecida como lei Celáa. Miles de vehículos fixeron o percorrido que vai da praza da Cibeles ata a glorieta de Cuzco e, de feito, colapsaron o traxecto. Marchas semellantes repetíronse en máis de 30 provincias tomando, co referente do lema: "Polo dereito a elixir a educación que queremos". O Partido Popular, Ciudadanos e Vox fixeron fronte común coa Platafoma Más Plurales, que estima que na capital madrileña participaron uns sete mil coches.

"O que se ve é que hai unha gran resposta cidadá de familias que defenden os seus dereitos ante unha lei que diminúe os dereitos de elección das familias en favor da programación educativa", sinalaba Alfonso Aguiló, presidente da Confederación Española de Centros de Ensino.

Os líderes dos partidos aquí representados coinciden en que a lei Celáa supón un ataque frontal á liberdade educativa: "O primeiro, estamos a favor da liberdade de elección das familias, de que o español sexa lingua vehicular en toda España e de defender a educación concertada e a educación especial, sobre todo para esas familias con nenos que teñen algún tipo de discapacidade", resumía o líder do PP, Pablo Casado. 

"Os pais temos que ter dereito a elixir o centro, como viña ocorrendo, e creo que o partido socialista non pode permitirse suplantar os pais", reivindicaba Begoña Villacís, de Ciudadanos.

"Demasiados anos de tolerancia ante os ataques que veu propiciando a esquerda e o nacionalismo contra a educación e contra a liberdade das familias para educar os seus fillos segundo os seus criterios", declaraba o representante de Vox, Iván espinosa de los Monteros.

O PP xa anunciara previamente que presentará un recurso contra a lei no Tribunal Constitucional cando sexa aprobada definitivamente.

Noticias web

22/11/2020