CRTVG

Buscar

Retómanse os xuízos, con limitación de público, distanciamento e máscara

Publicado o 13/05/2020 13:56

Máscaras e distanciamento interpersoal son o o elemento e a situación máis perceptibles de que a pandemia tamén trae novidades nas salas de vistas. É un dos primeiros xuízos tras o confinamento. Tivo lugar na Audiencia Provincial da Coruña, nun edificio remodelado non hai moito, e iso supón vantaxe para adaptarse as esixencias anti-coronavirus.

Ignacio Picatoste, Presidente da Audiencia Provincial da Coruña, engade: "Temos unha sala moi ampla e o único en que temos que centrarnos é na limitación de entradas para manter a distancia de seguridade e evitar contactos e garantir a hixiene da sala, que está plenamente conseguida".

Tanta amplitude non é o habitual na gran maioría de sedes xudiciais, pero na Audiencia da Coruña o espazo tamén é grande na antesala da sala de vistas. Aquí, onde adoitan agardar as testemuñas, agora a ocupación por banco está limitada a unha persoa.

De novo dentro da sala case todos manteñen a máscara colocada todo o tempo, agás o presidente do tribunal. Este pídelle ao acusado que a retire, para que quede ben claro, tamén na gravación audiovisual, que acepta a condena imposta -dous anos e oito meses de prisión- tras a acordo de conformidadade alcanzado neste caso de roubo con forza.

Sobre o novo ambiente de prevención anti-COVID nos xuízos preguntámoslle tamén ao avogado Miguel Ángel Jopia, que di: "Creo que a medida é a distancia interpersoal, e iso aquí cúmprese perfectamente, a sala é amplísima. Polo tanto, non hai ningún problema e o resto xa é cuestión de prudencia e sentido común".

A aplicación doutras medidas, como o acrecentar o uso dos medios telemáticos, tamén forman parte dos plans elaborados polas administracións para afrontar o desenvolvemento dos xuízos con garantías procesais e tamén sanitarias.

 

Noticias web

13/05/2020