CRTVG

Buscar

Prospera en Malpica a moción de censura que fai alcalde ao popular Eduardo Parga

Publicado o 03/09/2021 15:16

O Partido Popular recupera a alcaldía de Malpica de Bergantiños, ao prosperar a moción de censura que presentou co apoio dun edil non adscrito. O PP fora a forza máis votada nas eleccións locais, pero o Goberno quedara finalmente constituído por un tripartito de PSOE, BNG e Ciudadanos.

Como era de agardar foi un pleno tenso e con moitas interrupcións e apupos. Finalmente non houbo sorpresa e o popular Eduardo Parga recuperou a alcaldía de Malpica logo dunha moción de censura apoiada polo que fora cabeza de lista de Ciudadanos e agora edil non adscrito Alfredo Cañizo. Parga dixo que era unha moción necesaria para rematar co desgoberno.

Nas eleccións de 2019 o PP fora a lista máis votada, con seis concelleiros, os mesmos que sumaran PSOE e BNG. Cañizo desfixo ese empate e provocou que os populares perderan a alcaldía. O alcalde saínte, o socialista Walter Pardo, criticou con dureza a moción.

Eduardo Parga xa fora alcalde de Malpica durante oito anos.

Noticias web

03/09/2021