CRTVG

Buscar

Varios dos cabalos maltratados en Melide presentan sinais da agonía que sufriron antes de morrer

Publicado o 27/11/2019 14:10

Polo menos dous cabalos permanecen nos currais da parcela en que a Garda Civil investiga o dono por un suposto delito contra os animais domésticos.

Nos currais, situados na parroquia melidense de Xubial, é onde a Garda Civil encontrou estes días sete cabalos mortos e outros vinte e dous que, segundo a información oficial, mostraban sinais de malnutrición, mala hixiene e deficiencias noutros coidados básicos.

A información da Garda Civil sinala que dous dos cadáveres estaban en cortes individuais e contiguas, en que se puideron apreciar signos evidentes da agonía sufrida e das tentivas de escapar dos compartimentos onde estaban amoreados.

No mesmo lugar, a Garda Civil tivo outra intervención no mes de maio. Daquela encontraron seis cabalos e dous cans mortos. Algúns dos cadáveres levaban días en descomposición.

E anos atrás, en 2012, no mesmo terreo desenvolveuse unha intervención policial por feitos similares.

Tras a efectuada estes días, a Garda Civil pediu que os servizos veterinarios da Xunta inspeccionaran as instalacións, avaliaran o estado dos cabalos e adoptaran as medidas necesarias para preservar a vida dos animais.

A Garda Civil mantén aberta a investigación tras denunciar os feitos no xulgado de Arzúa.

Noticias web

27/11/2019