CRTVG

Buscar

Sánchez ofrécelle a Podemos "cargos relevantes" para desbloquear a investidura

Publicado o 04/09/2019 10:39

Blindar o aumento das pensións ao IPC, frear as subas dos alugueiros, garderías gratis ou unha lei de eutanasia. Estas son algunhas das 370 medidas coas que Pedro Sánchez quere desbloquear a investidura. O líder dos socialistas descarta a coalición con Podemos, pero tamén o goberno en solitario. Ofrece unha vía intermedia.

"Propoñemos a activa e reforzada participación de Unidas Podemos na gobernanza do país exercendo altas responsabilidades en institucións moi relevantes que complementan o labor do Consello de Ministros. Se hoxe non se dan as condicións para converternos en socios de goberno, non por iso debemos ser inimigos. É posible ser aliados leais, como fomos no pasado", di Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións.

E se o problema é a falta de confianza, propón Sánchez, a creación dun rigoroso sistema para controlar o cumprimento do acordado. Dende Podemos din que lerán o documento con atención, que lles soa ben, pero que, para que se leven a cabo estas medidas, teñen que entrar no goberno. Iglesias advirte que non soportarán máis humillacións.

"Non poden pretender que se nos humille máis. Xa aceptamos suficientes humillacións. Creo que quen diga" mira, é que como neste país a tradición é que goberne un partido só, aquí hai que humillarse. Pois mire vostede, non. Un acordo de goberno implica falar de programas pero tamén dos equipos para implementar os programas porque se non, as palabras lévaas o vento", afirma Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos.

Para o Partido Popular as medidas de Sanchez non son máis que o programa electoral para uns comicios que, aseguran os populares, o líder socialista quere a toda costa.

"A culpa do bloqueo tena Pedro Sánchez e el busca claramente ir a unhas eleccións porque non só é que non saiba acordar, é que non quere dialogar con ninguén. Con todos os que se puxo de acordo en todas as comunidades autonómas, agora di que no goberno de España é imposible", asegura Teodoro García Egea, secretario xeral do PP.

E sobre a petición feita por Pedro Sánchez dunha abstención técnica para que o goberno non dependa dos independentistas, o PP responde que non é posible porque Sánchez non é de fiar, nin sequera, rematan os populares, para os seus socios.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019