CRTVG

Buscar

Propostas familiares nunha fin de semana de festas que mesturan os ritos relixiosos coas ofertas gastronómicas e culturais

Publicado o 13/09/2019 13:36

Comeza unha fin de semana chea de festividades. Propostas para todos os públicos que mesturan os ritos relixiosos coas ofertas gastronómica e cultural.

Declarada de Interese Turístico Nacional, a Romaría da Virxe da Barca, en Muxía, é un dos pratos fortes do menú festivo da fin de semana. Un ano máis, volverá moverse a pedra de abalar. Unha celebración que mantén o seu poder de convocatoria ano tras ano, e no que devoción e festa se dan a man para atraer milleiros de persoas ata esta localidade da Costa da Morte.

Pura festa tamén a que haberá durante a fin de semana en Rianxo, coas celebracións en honor á Guadalupe. Veciñanza e visitantes reúnense un ano máis para desfrutar, nunha celebración en que non faltará a tradicional procesión marítima, o domingo, completando un programa cheo de actividades para todos os públicos.

Sen saír da comarca do Barbanza, outra cita. A das festas do Nazareno, na Pobra do Caramiñal, declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia. Imprescindible a ancestral procesión das Mortallas, que se remonta ao século XV, na que cada ano os cadaleitos percorren a vila ante centos de locais e turistas.

E para os amantes da boa gastronomía, tamén hai opcións. No concello de Poio celebran a Festa da Ameixa de Campelo. Unha cita xa consolidada, que na súa trixésimo segunda edición aspira a bater marcas. A organización conta con 500 quilos de ameixa babosa, cos que se agardan repartir máis de 2.000 racións dese prezado molusco.

Degustacións gastronómicas que se repetirán tamén noutros puntos do territorio galego. Entre eles, en Coristanco, coa consolidada Festa da Pataca. Haberá exposicións, concertos, actividades infantís e, por suposto, o desfile de tractores engalanados. Toda unha homenaxe a un dos produtos destacados do agro do país, que completa unha fin de semana chea de propostas festeiras, coas que ir despedindo o verán, por todo o alto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019