Os donos dunha explotación da Estrada protestan polo estado en que está un monte lindeiro
A familia Touceda é labrega de sempre. Cultivan feixóns, pementos, tomates e amorodos na parroquia de Berres, na Estrada. Pero tamén levan máis dunha década sen resolver un problema que lles ocasiona algún terreo lindeiro.
Manuel Touceda, labrego xubilado: "Foi no 2005 cando empezaron a plantar árbores, que isto antes era prado. Plantaron uns cuantos castiñeiros. A maior parte son freixos, cando están prohibidas en solo agrícola as plantacións forestais. Pódense plantar árbores froiteiras, pero hai que ter conta da altura".
Agora é Raquel, a filla, a titular da explotación. Nun terreo cultiva amorodos. No remate da tempada, só quedan uns poucos invernadoiros en produción. Pero en plena campaña non pode tirarlle todo o rendemento porque a unha parte do terreo non lle chega o sol, hai máis humidade e proliferan os fungos e a bichería.
Manuel Touceda, labrego xubilado: "Suponnos que non nos deixa pasar o sol. Están dicindo, e nós estamos de acordo, que hai que producir o máis ecolóxico posible, pero aquí nesta parte non se pode producir polo problema da sombra que nos mete humidade. Penso que se podían adaptar, podalos, porque está fastidiando uns terceiros que están vivindo da agricultura e máis dan postos de traballo".
Chegaron a contratar un dron para demostrar os prexuízos que lles causa a zona boscosa. Quéixanse de que na Xunta os mandan dun departamento para outro sen darlles solución e piden que se faga cumprir a lei, tanto no que atinxe á limpeza de maleza como a respectar as distancias de plantación das árbores.