CRTVG

Buscar

Promoven a reciclaxe con 200 composteiros nas vivendas rurais da Laracha

Publicado o 13/08/2020 14:59

Na casa de Carme, a froita que cae das árbores e os restos orgánicos van para un composteiro cedido por Sogama. Solicitouno hai un ano e asistiu a un curso en que os técnicos ensináronlle a utilizalo.

"Hai que airealo, removelo, alternar capas húmidas e secas... Ao cabo de seis ou sete meses xa tes un bo compost", comenta. 

Débese pór unha malla por debaixo para evitar os ratos e mollalo se vai moita calor. O éxito da iniciativa mídese en cifras...

"Empezamos con 75 composteiros na primeira tanda e outros 100 na segunda", concreta José Ramón Martínez, concelleiro de Medio Ambiente da Laracha.

Noutros concellos como Carballo ou As Pontes desenvolveuse outro proxecto semellante: 'vermicomposteiros', con lombrigas de terra.

Ata non hai moito a reciclaxe nas casas era algo habitual e xeneralizado en Galicia. Ben polos animais, ben para conseguir fertilizante para a horta. A de Carme medra que dá gusto e ela reduciu o lixo á metade.

 "Máis dun 50%. E sobre todo, o mal cheiro que xeran os produtos orgánicos mesturados co resto do lixo", di Carme Pérez.

Menos lixo e menos gasto do Concello

Por se fose pouco, tamén se aforra na factura municipal do lixo. Na Laracha pagan uns 20.000 euros ao mes. Case 250.000 euros ao ano.

"Se eses 250.000 podémolos reducir nun 40% xa é un aforro significativo", afirma José Ramón Martínez, concelleiro de Medio Ambiente da Laracha.

Os composteiros teñen unha capacidade de case 400 litros.

Noticias web

13/08/2020