CRTVG

Buscar

A Xunta prohibe fumar na rúa e en espazos públicos cando non se garanta a distancia de seguridade

Publicado o 13/08/2020 00:00

Dende esta medianoite queda prohibido fumar nas rúas e terrazas de Galicia sempre que non se poida manter a distancia de seguridade. É unha das decisións que acordou o mércores a Xunta tras escoitar ao comité clínico e que se concreta na orde publicada desa mesma tarde no DOG.

Concretamente a orde di o seguinte:

«10º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas».

 

Ademais, establece como medida de prevención adicional en 9 concellos (A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada), que os establecementos e locais comerciais presten un servizo de atención preferente ás persoas maiores de 75 anos. Tamén para estes mesmos concellos recoméndase ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara, que eviten as saídas nas horas de maior afluencia na vía pública e en espazos abertos ao público.

Así mesmo, recomendan continuar coas medidas restritivas que se puxeran en marcha o pasado 7 de agosto e limitar as visitas aos centros sanitarios da área da Coruña.

Segundo os últimos datos de Sanidade, en 220 concellos non se rexistrou ningún caso nos últimos 14 días, o gromo da Mariña sitúano en fase de resolución e preocúpalles e moito os datos da área da Coruña, sobre todo polo cambio de tendencia. A maioría dos contaxios dáse entre os 20 e os 40 anos. Feijóo avanza a posibilidade de chegar ata as 1.200 as PCR diarias nesta zona. 

O presidente da Xunta en funcións lamenta a relaxación no cumprimento das normas, sobre todo na área da Coruña, e fai un chamamento á responsabilidade de todos.

En sete días volverá reunirse o comité clínico para decidir se mantén, suaviza ou aumenta as restricións acordadas este mércores.

Logo de reunirse co comité clínico, o presidente da Xunta en funcións Alberto Núñez Feijóo anunciou manter as medidas na área da Coruña. Na mesma comparecencia indicou que comezarían a partir do xoves algunhas restricións que afectarían a toda Galicia.

Feijóo indicou que, na orde publicada no DOG, restrinxíase fumar en rúas e espazos públicos en que non se puidera garantir a distancia de seguridade.

A medida propúxose no comité clínico dado o "risco alto de contaminación e infección" que supón o fume.