CRTVG

Buscar

Prohibidas as xuntanzas de máis de 5 persoas en toda Galicia a partir desta noite

Publicado o 21/10/2020 14:01

A partir das doce desta noite endurécense as restricións en toda Galicia, co obxectivo de reducir os contaxios. Hai unha semana que se prohibiron as xuntanzas de máis dez persoas e agora limítanse aínda máis, a cinco persoas como máximo.

Segundo as autoridades sanitarias, o 90% dos gromos teñen que ver con reunións familiares ou de amigos. 

Pedro Rascado, membro do Comité Clínico asesor da Xunta: "A maioría dos contaxios, dos gromos, prodúcense en reunións familiares, sociais, nas que pensamos que non nos imos contaxiar, diminuímos as medidas de seguridade, retiramos as máscaras. Por iso insistimos en que hai que reducir ao mínimo as reunións, reducir o noso entorno social e, sobre todo, sempre con máscara".

Haberá cambios tamén en comercios, bares, restaurantes e lugares de culto, con cabidas do 50%. Queda prohibido consumir nas barras e a ocupación das terrazas redúcese ao 75%. Limítanse os asistentes as vodas: cen persoas como moito se é nun espazo aberto, 50 en interior. Nos velorios o máximo é de 25 persoas e aos enterros só poden acudir dez.

O recorte na afluencia tamén lles afecta aos eventos deportivos, bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado. E quedan prohibidas as festas e as verbenas. 

Pedro Rascado, membro do Comité Clínico asesor da Xunta: "Podemos poñer moitas normas pero non podemos ter un policía detrás de cada persoa. apelamos á responsabilidade individual. Cada un de nos debemos revisar a diario como actuamos nas relacións con outras persoas, pensar cantas veces retiramos a máscara e o resultado ten que ser cero".

En principio, as novas medidas terán unha vixencia de sete días, a partir da publicación no Diario oficial de Galicia, pero Sanidade non descarta amplialas a dúas semanas.

Noticias web

21/10/2020