CRTVG

Buscar

Prohíbense as procesións e fíxanse catro metros cadrados de praia por persoa

Publicado o 18/03/2021 13:30

• O DOG, do 17 de marzo, establece outras medidas de cara á Semana Santa

O Diario Oficial de Galicia, publicado o 17 de marzo, establece outras medidas de prevención que cómpre ter en conta. En todo o territorio mantense o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feira.

A asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, salvo en Maside, Paradela e Vilardevós, onde non se poderá superar o terzo da ocupación total.

Prohíbese o uso exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público, é dicir, procesións, ou eventos masivos de calquera índole. Este punto establécese de acordo coas decisións adoptadas polo Consello Interterritorial de Saúde sobre a festividade de San Xosé e da Semana Santa.

Tampouco está permitido o uso da auga bendita nin das actuacións de coros ou agrupacións de canto.

Velorios e enterros

Os velorios poderán realizárense en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo en cada momento de 10 persoas por túmulo e de 25 persoas no exterior, sexan ou non conviventes.

A participación na comitiva para o enterramento ou cremación restrínxese a un máximo de 25 persoas, sexan ou non conviventes, ademais da persoa que oficie o culto.

Uso das praias

Os concellos deberán establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias, coa fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios.

Para calcular a capacidade máxima permitida en cada areal, debe considerarse que cada persoa vai ocupar, polo menos, catro metros cadrados.

Deberá, ademais, respectarse o límite máximo de seis persoas por grupo, excepto no caso de persoas conviventes.

A máscara pode retirarse durante o baño e cando se permanece nun espazo sen desprazárense, gardando a distancia con non conviventes. Durante os paseos é obrigado o seu uso.

Pequenos negocios e centros comerciais

Os establecementos non poderán superar o 50 % da súa capacidade total. No caso de locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientela en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.

Pecharán ás 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior. Ademais, deberán prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos.

No caso dos centros comerciais, a capacidade das zonas comúns queda limitada ao 30 % e non se permitirá a permanencia da clientela nestes espazos. Queda prohibido o uso das ludotecas e das áreas infantís, que deben permanecer pechadas.

Feiras e mercados

A capacidade está determinada polo número de postos autorizados do seguinte xeito:

a) Nos mercados con menos de 50 postos autorizados, poderán dispoñer do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

b) Nos mercados que teñan entre 50 e 100 postos autorizados, poderán dispoñer do 75 % dos postos habituais ou autorizados.

c) Nos mercados que teñan máis de 100 postos autorizados, poderán dispoñer do 50 % dos postos habituais ou autorizados.

Hoteis e albergues

Os albergues poderán manter unha ocupación máxima do 30 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido.

A ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade.

Bibliotecas e museos

Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, situados nos concellos en nivel 1,2 e 3, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o trinta por cento da capacidade máxima permitida.

Nos concellos en nivel 4, as actividades presenciais poderán acadar unha capacidade máxima do cincuenta por cento.

Parques e zonas deportivas

Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público. Porén, deberá respectarse  unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable da superficie do recinto.

Deporte non federado

A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes de cada concello:

a) Nos municipios de Maside, Paradela e Vilardevós (no nivel 1) só poderá practicarse deporte ao aire libre, de xeito individual ou con persoas conviventes, e coa utilización de máscara.

b) Nos concellos que estean no nivel 2 e 3, poderá realizarse deporte ao aire libre de forma individual ou colectiva, cun máximo de 6 persoas ademais do monitor ou monitora, sen contacto físico e coa utilización de máscara. Nas instalacións e centros pechados, os grupos serán de catro persoas.

Tamén se permite o uso das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 30 %.

c) Nos concellos no nivel 4 establécense as mesmas limitacións ca nos niveis 2 e 3. Porén, amplíase a ocupación das piscinas ata o 50%.

En todos os casos, os vestiarios e zonas de ducha poderán ocuparse ata o 30 %.

Competicións e actos culturais

A celebración de competicións deportivas, actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos similares, poderán desenvolverse sen superar o trinta por cento da capacidade permitida. O público debe permanecer sentado gardando unha distancia de 1,5 metros nas catro direccións.

Nos municipios que se atopen no nivel 1, 2 e 3, o límite máximo é de 250 persoas, en lugares pechados, e 500 en lugares abertos. Nos concellos no nivel 4, permítense 300 persoas en interior e 1.000 ao aire libre.

Actividade cinexética e pesca

Está permitida a actividade cinexética e a pesca deportiva e recreativa, en todas as súas modalidades, sempre que se axusten ás limitacións de grupos de persoas aplicables nos respectivos concellos.