Prohibida a entrada aos traballadores de paises que teñen as fronteiras pechadas con España

España restrinxe a entrada aos traballadores transfronteirizos e de tempada que proceden de estados que aínda teñen as fronteiras pechadas co noso país, xa que imposibilita o seu regreso unha vez que concluíron a súa actividade laboral.
O ministerio do Interior establece nunha orde publicada no BOE este sábado os novos criterios aplicables para denegar a entrada a viaxeiros desde terceiros países á UE por razóns de orde pública e saúde pública con motivo da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.
A orde inclúe a nova recomendación do Consello da UE do 16 de xullo, que modifica a lista de países aos que non se lles aplican as restricións, da que se sacou a Serbia e Montenegro polo empeoramento da súa situación epidemiolóxica.
Así, os terceiros países cuxos residentes non ven afectados pola restrición temporal de viaxes non imprescindibles á UE a través das fronteiras exteriores son Alxeria, Australia, Canadá, Xeorxia, Xapón, Marrocos, Nova Zelandia, Ruanda, Corea do Sur, Tailandia, Tunes, Uruguai e China.
Interior argumenta que se comprobou como nas fronteiras exteriores españolas o número de persoas que chegan procedentes de países non incluídos na lista e, por tanto, acolléndose ás categorías exentas, resulta excesivo se se teñen en conta tanto a situación epidemiolóxica mundial, como a española en particular.
Por iso, considera preciso evitar os tránsitos innecesarios, de modo que todo o que queira entrar e estea autorizado a facelo elixa os roteiros máis directos.
Ademais, das categorías exentas destas restricións, suprímese aos traballadores transfronteirizos e os traballadores de tempada, dado que estes traballadores proceden de países que aínda teñen as fronteiras pechadas con España, o que imposibilita o seu regreso unha vez que concluíron a súa actividade no noso país.
Mantense o peche, con carácter temporal, dos postos terrestres habilitados para a entrada e a saída de España a través das cidades de Ceuta e Melilla.