CRTVG

Buscar

Prohiben a divulgación do vídeo da reconstrución da morte de Diana Quer

Publicado o 10/09/2019 18:14
Prohiben a divulgación do vídeo da reconstrución da morte de Diana Quer

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña emitiu hoxe un auto en que acorda prohibir a divulgación polos medios de comunicación, na súa totalidade ou en fragmentos, do vídeo da gravación da reconstrución de feitos practicada durante a investigación da morte de Diana Quer.

A Audiencia salienta que "a restrición da publicidade" desta dilixencia está xustificada para preservar a imparcialidade dos candidatos a xurado. O maxistrado presidente tomou esta decisión tras a solicitude da acusación particular, á que se adheriron a defensa e o Ministerio Fiscal, de suspensión da emisión do vídeo.

"A eventual exposición prematura dos candidatos a contidos que non deberían coñecer ata o acto do xuízo supón un risco para a súa imparcialidade e carencia de prexuízos", destaca o presidente do Tribunal do Xurado, quen incide en que "o perigo que deriva deste contacto anticipado cun elemento do material probatorio se agudiza ao brindarse o coñecemento da proba fóra do ámbito garantista do plenario". Así, refírese á "eventual, e non improbable, difusión segmentada e non íntegra da proba e a eventual e non improbable presentación nunha contorna de comentarios, explicacións ou valoracións, expresas ou implícitas, que poderían afectar negativamente as condicións para o debido desenvolvemento da función atribuída legalmente aos xurados".

Ao estimar o argumento exposto, o maxistrado entende que xa resulta innecesario aclarar que partes do vídeo afectan a dignidade ou intimidade das vítimas. Refírese, en concreto, á recreación do suceso cun manequín, "que fai que as imaxes resulten, en determinados momentos, de certa crueza e penosidade", o que, en opinión do xuíz, xa xustificaría "unha restrición da súa publicidade masiva e indiscriminada".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí