CRTVG

Buscar

Programa Emega, máis de 3,2 millóns de euros en axudas ao emprendemento feminino

Publicado o 22/07/2021 12:18

As axudas para incentivar o emprendemento feminino contan este ano cun orzamento récord de 3,2 millóns de euros. Están destinadas a apoiar iniciativas empresariais e de autoemprego en mulleres e para facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das traballadoras.Na convocatoria anterior, Ana, unha emprendedora compostelá, foi unha das 197 beneficiadas das axudas ao emprendemento feminino.

O seu negocio, un taller de confección especializado en traxes de voda e festa, que é tamén academia para aprender o oficio. "É unha axuda para mulleres emprendedoras e unha das condicións en que eu solicitei era levar menos dun ano co negocio aberto, ser muller e, no meu caso, como ía contratar outra muller, tamén a solicitei por contratación". A axuda recibida permitiulle contratar unha persoa e afrontar en mellores condicións a crise provocada pola pandemia. "Utilicei parte dos cartos en tecidos, en maquinaria, e outra parte dos cartos deixeina de colchón, por dicilo dalgunha maneira".

Este ano as axudas incrementan a súa contía, desde un mínimo de 8 mil a un máximo de 42 mil euros.

Mónica é traballadora autónoma e utilizou a súa para impulsar o seu negocio de comercialización e distribución de guías turísticas. "Pero si que é certo que había unha serie de cousas para as que non tiñamos orzamento e que tivemos que sacalo dalgún sitio, e foi este, neste caso Emega, por exemplo, a creación dunha páxina web".

Este ano, o orzamento das axudas ao emprendemento feminino é de algo máis de 3 millóns de euros e o prazo para solicitalas remata o próximo 16 de agosto.

Noticias web

22/07/2021