CRTVG

Buscar

Prognostican un aumento dos divorcios tras o confinamento

Publicado o 24/05/2020 15:42

A convivencia dentro da parella non sempre resulta como o primeiro día, e máis cando é obrigada durante as vinte e catro horas da xornada ao longo dos setenta días que levamos de confinamento. Por iso, os especialistas prognostican un aumento dos divorcios en canto se supere o estado de alarma.

Segundo afirma Ana Camiño, avogada, "despois de dous meses e medio de vacacións forzosas é razoable pensar que vai haber un auxe das demandas destes procedementos. O problema vai estar en que xa non se lle vai poder dar as mesmas solucións que se lle daban porque os xulgados están colapsados".

A comunidade galega rexistra unha media de cinco mil divorcios ao ano, e como no resto do territorio español, estes aumentan tras o período vacacional, ata un trinta por cento. Co confinamento esa porcentaxe podería superarse, sobre todo nas parellas que xa viñan arrastrando problemas antes da crise.

"Probablemente -expón Ana Camiño- eses problemas que xurdiron no confinamento xa existían antes. O que pasa é que antes tiñamos outras opcións para pasalos, para mirar cara outro lado. Durante o confinamento houbo que enfrontalos. Houbo parellas que atoparon a forma de enfrontalos en positivo, e solucionalos e recuperar esa situación, e houbo parellas que non".

Nesta situación tan excepcional, un conflito entre os membros da parella non só depende dos problemas de convivencia. A situación de crise económica despois da sanitaria e a presenza de fillos tamén poden influír a hora de interromper a relación. Por iso, os expertos recomendan pensar ben a decisión pero levala adiante unha vez tomada.

"A xente pensa moito máis o divorcio que o matrimonio.Entón o meu consello é: un divorcio a tempo é unha vitoria porque impides que esa relación se deteriore ata límites nos que xa non poidan falarse", conclúe a avogada.

Ainda que os xulgados están paralizados polo momento, pódense realizar acordos entre as partes, aínda que para cuestións inaprazables existen procedementos de urxencia que limiten os traumas dunha relación sen futuro.
 

Noticias web

24/05/2020