CRTVG

Buscar

Profesionais sanitarios avalan o peche da unidade de maternidade de Verín

Publicado o 29/11/2019 09:27

O hospital comarcal de Verín tivo o ano pasado 89 nacementos. O Sergas calcula que este ano non chegarán a 60.

O xefe de Pediatría do CHOU asegura que "como pediatra, a min o que me preocupa é a seguridade do paciente. Consideramos que unha maternidade cun número tan baixo de partos é un risco para o acabado de nacer".

A seguridade da nai e do neonato prima, segundo os profesionais médicos, na decisión que se tomou en Verín.

Santiago Fernández Cebrián explica que "cunha maternidade que ten só 60 partos, que ten menos de cen partos, ningunha sociedade científica e ningún documento do Ministerio recomendan por criterios de calidade e de seguridade do paciente ter aberta a maternidade".

A partir do un de decembro, os partos serán en Ourense e, ante posibles complicacións engade "a mellor incubadora de transporte é a nai".

Os especialistas lembran que o aumento da idade das nais vai asociado a complicacións no parto e insisten en que facer fronte a elas precisa da experiencia que dá o númerto de pacientes no servizo.

O presidente da Xunta dixo hoxe que o peche da sala de partos de Verín responde aos reiterados informes dos servizos de xinecoloxía e pediatría da área sanitaria de Ourense, en que advertiron por escrito de serios riscos para as nais e os nenos nacidos alí.


 

Noticias web

29/11/2019