CRTVG

Buscar

Profesionais e alumnos compiten en Foz por ser o mellor barista

Publicado o 13/02/2019 21:38

Comezaron os campionatos internacionais de baristas de Foz, que a vila mariñá leva acollendo dende hai 12 anos. Nesta edición, 14 profesionais compiten na máxima categoría. Ademais, os alumnos de 13 escolas de hostalería participan na final do correspondente certame.

Xosé Ríos, coordinador dos campionatos de baristas de Foz: "Teñen que facer catro expresos, onde van valorar a destreza coa cafeteira, o muíño e demais. E elaboran catro capuchinos, onde mellor se debuxa. Por último, terán catro cócteles, con ou sen alcohol. Eles deciden se meten alcohol ou non".

Víctor Couto, participante: "Realmente, o principal que valoran os xuíces é o sabor. Moitas veces, un profesional do café intenta vestir máis cunha actuación que co sabor en si, e é todo o contrario. O que se busca aquí é un profesional do café, que é o importante".

En paralelo aos campionatos de baristas, celébranse os concursos de cata, a porta pechada. Trátase dunha cata brasileira, onde se permite analizar o café como materia prima.

Xosé Ríos, coordinador dos campionatos de baristas de Foz: "O campionato de cata consta de sabores básicos. É dicir, doce, salgado, acedo e amargo, e teñen que diferencialos. Nunha cata brasileira, teñen que catar cinco cafés e recoñecer cada un deles. De 36 aromas, sácanse dez para que saiban cales son".

Os campionatos continuarán ata o venres. Entremedias, haberá degustacións gratuítas de café e demostracións de coctelería de autor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019