CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Profesionais da educación asisten a unha xornada sobre dislexia en Santiago

Publicado o 16/11/2013 21:22


Hoxe tivo lugar en Santiago unha xornada sobre a dislexia. Este trastorno da aprendizaxe, que ás veces non se diagnostica, pode estar detrás do fracaso escolar de moitos rapaces. Para evitalo, é primordial a detección temperá:

Profesores, pedagogos, psicólogos e logopedas asistiron ao encontro de hoxe, dedicado a falar de detección, diagnóstico e intervención deste problema que afecta especialmente á linguaxe escrita. A ponente foi Helena Alvarado, psicóloga experta en dificultades no aprendizaxe, que falou dos signos e síntomas da dislexia:

"Aos 6-7 anos hai unha dificultade altamente significativa para integrar a lectura e a escritura, cústalles moito asociar o son que corresponde a cada letra, e isto comézalles a xerar un desfasamaento entre eles e os seus compañeiros".

Se se adapta a metodoloxía e se se lles dan ferramentas adecuadas, os rapaces con dislexia poden seguir o ritmo da clase, xa que son tan intelixentes coma os demais. Por iso son moi conscientes do seu problema, algo que pode ter consecuencias emocionais.

A ponente explicou que a detección temperá é moi importante, tanto para axudarlles coa aprendizaxe como para previr futuros problemas psicolóxicos, e enumerou estes posibles trastornos:"Sintomatoloxía ansiosa, depresión, baixa autoestima, problemas alimentarios, dificultades de relación, illamento... Existen multitude de signos evidentes de que hai sufrimento emocional"

A dislexia non é un problema illado. Calcúlase que entre un 5 e un 10% da poboación ten algún grao de dislexia. Con estes datos, é probable que haxa casos de dislexia na maioria das aulas. A xornada de hoxe persegue que os profesionais da educación estean mellor formados para detectar este trastorno, e para atender adecuadamente estes alumnos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí