CRTVG

Buscar

A Revista

Produtores de carne de vacún de toda España reúnense en Santiago para falar do futuro do sector

Publicado o 10/10/2017 13:18

Produtores de carne de toda España reuníronse recentemente en Santiago para falar dos retos de futuro do sector. Queren conectar coas demandas dos consumidores poñendo no mercado produtos cada vez máis seguros e respectuosos co medio ambiente. Acordaron mellorar a comunicación coa sociedade, que en moitas ocasións non sabe como se produce a carne que merca. Unha cuestión en que Galicia é referente coa IXP Ternera Gallega e a posta en marcha do distintivo Vaca e Boi de Galicia.

Como produciremos a carne o día de mañá? Esta foi a pregunta que se fixeron os membros da asociación española de criadores de vacún, ASOPROVAC, na xornada técnica celebrada en Compostela. A resposta está nos consumidores. Eles son os que marcan a folla de ruta do sector, que ten que adaptarse ás demandas dunha sociedade cambiante e dun mercado cada vez máis global.

Alberto Juanola, presidente de Asoprovac

O consumidor ten que percibir que merca produtos seguros e respectuosos coa natureza. Non se trata dunha cuestión menor, posto que as axudas da PAC xustifícanse ante a opinión pública polo papel da agricultura na preservación do medio ambiente. Aínda non se saben os principios que van guiar a política agraria a partir do 2020, pero todo apunta a que a loita contra o cambio climático colla forza.

Javier López, director de Provacuno

O sector está moi pendente da futura PAC. Pero tamén do impacto dos acordos comerciais internacionais que se están a negociar na Unión Europea. O acordo de mercado con Mercosur, aínda sen pechar, podería favorecer a entrada sen aranceis de toneladas de carne procedentes de América do Sur.

César Lumbreras, director de Agropopular
Alberto Juanola, presidente de Asoprovac

A carne de vacún española tamén está a loitar por abrirse novos mercados no estranxeiro. Os sector produce ao ano unhas 638.000 toneladas, das que 170.000 se destinan, frescas ou conxeladas, á exportación. Asentados xa no mercado europeo, os grandes produtores de España deseñan agora a súa internacionalización.

Javier López, director de Provacuno

Xa en Galicia, a estratexia está máis posta na proximidade. Malia que si se están abrindo mercados en Centroeuropa, sempre con carne fresca, a IXP Ternera Gallega aposta por seguir consolidándose no mercado nacional cunha carne de calidade diferenciada, asociada a sistemas de cría tradicional. A recente posta en marcha da IXP Vaca e Boi de Galicia, para certificar a carne de vacún adulta, preséntase como unha oportunidade seguir conquistando nichos de consumidores.

Xesús González, presidente da IXP Carnes de Vacún de Galicia

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

10/10/2017