CRTVG

Buscar

Produtores de arandos, amorodos e outros froitos crean unha asociación para ampliar mercado

Publicado o 30/08/2021 14:44

A nova asociación, Berries Galicia, busca chegar ao consumidor de xeito directo. Ofrecerlle arandos, amorodos, framboesas, grosellas ou amoras da máxima calidade e a bo prezo. E isto é máis sinxelo se os pequenos produtores traballan xuntos.

Eladio Cuíña, fundador e tesoureiro da Asociación Berries Galicia, explica que "canto maior sexa o volume de arando, vainos ser máis doado chegar a mercados distintos. De xeito individual, como somos pequenos produtores, é máis difícil chegar a eses mercados polo tamaño das explotacións".

Estas plantacións requiren moitos coidados no cultivo e na colleita. Anne Lanevschi, membro da asociación di que "é delicada a colleita, por iso ten o prezo que ten. Non é coma un acio de uvas, que vas coa tesoira e cortas todo. Aquí maduran un a un e, nun mesmo acio, pode haber froitos verdes e maduros. Tes que sentilos".

Grazas e ese coidado, a terra e o clima galegos, conseguen uns froitos da máxima calidade. Nada que ver, segundo aseguran, co que ofrecen as multinacionais.

Eladio explica que "non podes pensar que un arando que se recolle seis semanas antes en Chile ou Perú poida chegar a España en condicións normais. Por outro lado, en Galicia a froita é moito máis saborosa porque os azucres son dunha maduración máis lenta".

Para dar a coñecer estes produtos de calidade en novos mercados, xa contan con participar en feiras internacionais en Madrid e en Alemaña.

Noticias web

30/08/2021