CRTVG

Buscar

Prodúcese unha fuga durante a retirada do combustible do Blue Star

Publicado o 02/12/2019 11:12

Este luns a mañá produciuse unha fuga do combustible do Blue Star durante as tarfefas de trasbasamento do fuel.

Ocorreu no momento no que se facía un cambio de mangueira. Foi pouco pouco despois das dez e media a mañá. A continuación os operarios colocaron mantas sobre a cuberta do buque para tratar de conter esa fuga que no lugar se apreciaba tanto polo cheiro como no propio mar na zona na que as ondas golpean coas rochas.

Este domingo xa ían retiradas unhas cen toneladas de fuel e gasóleo. Estímabase que quedaban unhas dez toneladas que debían ser extraídas ao longo deste luns. O dispositivo instalado, composto por varias bombas e mangueiras, colgadas estas últimas dun cable de aceiro, a modo de tirolina, funcionara ata este momento sen maiores atrancos.

Nas tarefas de extracción participa persoal de SMIT Salvage, a empresa holandesa que contratou o armador para o rescate do seu buque quimiqueiro; as locais Ardentine Marine, de Fene, operarios de Ingaroil e unha empresa de obra civil das Pontes de García Rodríguez, Armacon; así como algúns dos tripulantes do buque sinistrado, todo iso supervisado por responsables de Salvamento Marítimo.  

Mentres, no mar continúa o remolcador 'Don Inda', que leva na súa cuberta varias barreiras anticontaminación por se fose preciso o seu despregamento. Tamén hai outro buque remolcador, o 'Vehintiocho', que ten un cabo de unión permanente co 'Blue Star' entre ambas as popas, para tratar de evitar que a forza das ondas o poida introducir na costa.  

Ademais, o casco do buque xa presenta algunha fisura menor, localizada no lado de babor. Con todo, trátase dunha embarcación de dobre casco polo que esta situación non afectou as súas tranques, que están baleiros.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí