CRTVG

Buscar

Galicia suma 102 novos casos activos da covid-19 e falece unha persoa no HULA

Publicado o 01/09/2020 14:32

Na residencia DomusVi Lugo hai 39 usuarios e cinco traballadores contaxiados

• Soben as hospitalizacións ata as 143 (+19)

Galicia suma 102 novos casos activos de coronavirus hoxe. Van 3.742, segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

143 enfermos están en plantas de hospitalización convencionais, 19 máis ca onte, e hai 17 en Coidados Intensivos.

Por áreas sanitarias:

  • A Coruña: 1.403 (+11)
  • Lugo: 759 (+29)
  • Ourense: 343 (+3)
  • Pontevedra: 233 (+)
  • Vigo: 253  (+16)
  • Santiago: 607 (+25)
  • Ferrol: 144 (+11)

Hospitalizacións e falecidos

Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 143 en unidades de hospitalización (+19) e 3.582 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.771 persoas curadas.

A última persoa falecida foi unha muller de 96 anos que estaba ingresada no HULA e presentaba patoloxías previas. Non estaba relacionada co gromo rexistrado na residencia de maiores do Incio.

Con este falecemento, sitúase en 644 o total de mortes en Galicia por mor do coronavirus.

Contaxios en residencias

As residencias de maiores galegas rexistran este martes un total de 215 casos activos da covid-19 (27 máis que o luns), dos que 164 son usuarios e outros 51, traballadores.

Os contaxiados na residencia DomusVi Lugo, no municipio de Outeiro de Rei, incrementáronse en 21 na última xornada, ata contabilizar un total de 44: 39 anciáns e cinco traballadores.

A que máis segue preocupando é a do Incio, con 116 contaxiados dos cales 89 son residentes e 27 traballadores. Neste centro, faleceron sete persoas por mor da covid-19.

Neste concello lugués de 1.600 habitantes, moitos deles maiores, iniciouse hoxe un cribado ao que están convocados douscentos veciños. Espérase que o resultado das probas PCR axuden a detectar casos non identificados.

Ademais destes centros, segundo a actualización realizada con datos de última hora deste luns, a residencia Orpea Coruña, en Culleredo detectou outros seis positivos e dúas altas entre usuarios, co que a cifra de infectados é de 33. Neste centro, hai cinco infectados entre o persoal.

Tamén soben, nun, os maiores contaxiados na DomusVi Lalín, que acumula tres casos.

Outros once centros de maiores da comunidade acumulan casos individuais. É o caso da residencia  DomusVi de Monforte (Lugo); a residencia de Oleiros (A Coruña); residencia de Paradela (Lugo); residencia de San Bartolomeu, en Xove (Lugo); residencia DomusVi de Barra de Miño, en Coles (Ourense); residencia Volta do Castro, en Santiago; residencia Os Tercios, en Touro (A Coruña); residencia Nosa Señora do Socorro, en Arnoia (Ourense); residencia de Vilar de Barrio (Ourense); residencia Santiago Apóstolo de Vilamarín (Ourense); e no CRAPD Vigo II.