CRTVG

Buscar

Procesado un home como presunto autor do dobre crime do Ceao 27 anos despois

Publicado o 05/07/2021 14:07

O crime do polígono do Ceao, en Lugo, que lles custou a vida a dúas persoas que traballaban no Cash Récord en 1994, volve á actualidade. A xustiza cre que deu co presunto autor material dos disparos que mataron a Elena López, que traballaba como caixeira, e Esteban Carballedo, repoñedor. Un home de 54 anos foi declarado procesado e citado para unha vista indagatoria o próximo día 13.

A xuíza instrutora do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo sostén que "tras a actividade instrutora levada a cabo no presente procedemento dedúcese que existen indicios racionais de criminalidade" e considera ao procesado autor de dous delitos de asasinato, un delito de roubo con violencia nas persoas e outro por tenencia ilícita de armas.

O home ten antecedentes por posesión de armas e nun informe policial de 2013 figura como presunto partícipe naquel e nouto atraco similar e na morte dun mozo.

O avogado da familia de Elena López, unha das vítimas deste crime, recoñece en declaracións á Axencia EFE, que "é un paso moi importante", que "non se deu nos últimos 27 anos".

"É verdade que o auto de procesamento non significa que o presunto culpable vaia a sentar no banco", precisou o letrado, pero tamén lembrou que "é condición" ineludible "para que iso suceda" se os xuíces así o estiman oportuno.

 Isabel López, irmá de Elena López di que "a verdade é que aínda estamos dixerindo esa noticia, que para nós é importantísima. Esperemos, despois de tanto tempo, que lle poidan tomar declaración e que se lle abra xuízo. Para nós, o simple feito de que teña que vir declarar é moi importante".

Avelina Sánchez, cuñada de Esteban Carballedo afirma que "para nós, isto foi unha alegría moi grande. En que acabará, non o sabemos aínda, pero a loita para algo nos valeu. Sempre nos preguntabamos por que non citaban esa persoa para falar con ela, e sempre nos puxeron trabas".

Os familiares das vítimas levaban case tres décadas loitando para que se fixera xustiza. A irmá de Elena López, que deixara dous nenos orfos, mesmo chegara a protagonizar unha folga de fame en 2010 para que se reactivase a investigación cando estaba a piques de prescribir.

Isabel di que "a folga de fame fixéraa para intentar reunirme cos corpos policiais. Despois de 21 días que estiven de folga de fame, dixéronme que ían empezar de novo esa investigación".

O sospeitoso, ao que lle atribúen dous delitos de asasinato, un de roubo con violencia e outro de tenza ilícita de armas, terá que declarar o vindeiro día 13 nos xulgados de Lugo.


Noticias web

05/07/2021