Procesan o Chicle, condenado polo asasinato de Diana Quer, pola violación da súa cuñada
O Xulgado de Instrución número 2 de Noia decretou o procesamento de José Enrique Abuín, coñecido como o Chicle, pola agresión sexual á súa cuñada en xaneiro de 2005, cando tiña 17 anos.
A xuíza, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, indica no auto que das dilixencias de instrución practicadas “se se desprenden indicios bastantes” de que o investigado realizou “actos atentatorios contra a liberdade sexual” da denunciante.
Así, relata que presuntamente a convenceu para levala en coche ao instituto, pero desviouse do traxecto ata deter o turismo nun parque do termo municipal de Lousame (A Coruña). Unha vez alí, segundo se desprende das probas practicadas ata o de agora, colleulle o seu teléfono móbil, pechou o coche, intimidouna cun coitelo ou navalla e obrigouna a manter relacións sexuais.
Tras a presunta agresión sexual, segundo o auto, deixouna nas inmediacións do instituto, “non sen antes advertila de que, se o denunciaba, mataría a súa irmá, a súa filla e logo iría por ela e polos seus pais”.
Ademais, díxolle que a violaba por “chivata”, facendo referencia a que a menor lle contara á súa irmá que uns meses antes, en xullo de 2004, o seu marido lle tocara o peito por encima da roupa.
A instrutora asegura no auto de procesamento que os feitos revisten, salvo ulterior cualificación, os caracteres dun delito de agresión sexual con penetración vaxinal, coa concorrencia das agravantes de prevalecemento, pois a vítima era a súa cuñada e tiña 17 anos, e de cometer a agresión facendo uso de arma branca.
A xuíza descarta a prescrición, pois son delitos contra a liberdade e indemnidade sexual con vítima menor de idade. Na resolución, lembra que o termo da prescrición se computa desde o día en que a afectada alcanzou a maioría de idade, en 2005, e por tanto o delito non estaría prescrito ata 2020, e as dilixencias reabríronse en 2018.
A xuíza, con todo, entende que tanto o delito de abuso sexual presuntamente cometido polo procesado en 2004 sobre a súa cuñada como o de ameazas, derivado das expresións de morte que supostamente proferiu o día da agresión sexual, prescribiron en 2010.
Respecto ao delito de agresión sexual, salienta que existen “indicios claros” da comisión por parte do procesado. Así, destaca que o relato da vítima durante todos estes anos “foi coherente e consistente” e que se corroborou “polo resultado doutras dilixencias de investigación”.
O feito de que o Chicle fose condenado polo asasinato de Diana Quer, cometido en agosto de 2016, e por intentar agredir sexualmente unha moza en Boiro en decembro de 2017, “reforza os indicios de veracidade” da denuncia da súa cuñada, pois constátase “o mesmo modus operandi”.
A xuíza indica que o procesado “executaría os feitos en solitario, sen contar coa axuda de cómplice ou coautor ningún, presentando as tres vítimas características físicas similares”.
Ademais, destaca que “se aprecian paralelismos na súa forma de actuar, ao apoderarse do móbil das vítimas e facer uso dalgún instrumento perigoso, coitelo ou similar, para ameazalas e conseguir o seu propósito”.
O próximo 26 de xullo realizarase a declaración indagatoria a través dunha videoconferencia co centro penitenciario en que cumpre a condena de prisión permanente revisable polo crime de Diana Quer.