CRTVG

Buscar

Bos días

Procesan a Cristina Fernández de Kichner

Publicado o 15/05/2018 09:42

A Xustiza arxentina volve procesar a ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner por asociación ilícita e lavado de cartos. Faino no marco dunha causa que investiga o pago de subornos por parte de contratistas da obra pública estatal durante o seu mandato, a través da simulación do pago de alugueiros nun hotel propiedade da familia Kirchner.

Quinto axuizamento xa para a ex-presidenta Cristina Fernandez, e novamente por corrupción.
O xuíz ve indicios de que a empresa Hotesur, propiedade da familia ex-presidencial arxentina, constituía unha vía para, a través do alugueiro de habitacións, recibir subornos de empresarios afíns por adxudicarlles obra pública do país durante o seu mandato e darlle así unha aparencia lícita a ese diñeiro. Ademais da ex-mandataria foron procesados no marco desta causa os seus dous fillos, Máximo e Florencia Kirchner.

Os Kirchner están acusados de asociación ilícita e lavado de cartos, pois para o maxistrado a empresa hoteleira non tiña capacidade económica nin experiencia, e a súa única finalidade era outorgarlles aparencia lexítima ás ganancias obtidas da defraudación ao Estado con adxudicacións irregulares na obra pública. O xuíz ditou tamén un embargo por valor de 800 millóns de pesos, uns 32 millóns de dólares.

A actual senadora nacional suma así cinco procesamentos xudiciais, tres por corrupción, un por irregularidades na venda de futuros de dólar no derradeiro tramo do seu mandato e outro polo suposto encubrimento dos terroristas acusados do ataque á mutua xudía AMIA. Por este último incluso existe unha orde de prisión preventiva que non se puido executar pola súa condición de senadora.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

15/05/2018