CRTVG

Buscar

Proban un test rápido que permite diferenciar entre o virus da gripe e o da covid-19

Publicado o 06/09/2020 14:40

No outono pasado un xesto coma este só podía significar unha cousa: un arrefriado ou unha gripe. Coa chegada do coronavirus o mundo cambiou, e unha tose pode agora implicar un contaxio de covid-19. Diferenciar entre a gripe de todos os anos e o coronavirus non é tan doado, xa que comparten algúns síntomas. Por iso, un laboratorio de Elxe, en Alacant, está a probar un test que permite identificar o virus do que se trata cunha proba rápida de PCR, similar ás que se fan para verificar un contaxio.

Segundo Antonio Martínez-Murcia, fundador da empresa Genetic PCR Solutions,  "o procedemento é o mesmo. Tan so hai que engadir esta análise adicional para completar o test e poder distinguir entre a gripe estacional, virus da gripe A e B, que se chaman influenza, do Sars-Cov-2, que é o responsable da covid".

Dende o laboratorio responsable deste test aseguran que a súa proba é totalmente efectiva malia a grande variabilidade do virus da gripe.

"O que detecta é unha secuencia xenética específica dos virus da gripe, de cada un dos dous. É unha secuencia moi conservada, polo tanto, moi constante e por moito que mute o virus da gripe sempre vai ter esa secuencia", aclara este microbiólogo.

O test deste laboratorio xa se proba en varios hospitais e esperan a súa validación definitiva no instituto de Saúde Carlos III. Identificar a covid-19 doutros virus respiratorios permite aforrar tempo e medios sanitarios, pero tamén posibilita tratar antes o paciente cos recursos médicos dispoñibles e achaiar o camiño para combater eficazmente a pandemia.


 

Noticias web

06/09/2020