Proban un catamarán eléctrico na Ribeira Sacra, nunha aposta pola mobilidade sustentable
150 mil persoas navegan cada ano polos canóns da Ribeira Sacra a bordo de catamaráns de gasóleo. Unha experiencia extraordinaria, pero mellorable desde o punto de vista ambiental, o mesmo que a acumulación de coches durante os picos turísticos.
Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra: "Esa tendencia de cada vez maior número de visitantes fai que teñamos que ter en conta o tipo de transporte e de combustible que se utilizan para desprazarse pola Ribeira Sacra, e que non se convertan nun perigo".
O conselleiro de Economía, e os alcaldes da Ribeira Sacra, foron os primeiros pasaxeiros do catamarán eléctrico que hoxe probaron no canón do Sil. Un modelo que xa opera no encoro de Castrelo e en Ares, deseñado por unha empresa galega e que aspira a converterse en alternativa sustentable.
José María Ballester, deseñador de Xouva Boats: "A propulsión eléctrica é non contaminante, non emitimos ningún tipo de partículas nin ao aire nin á auga, e tampouco facemos ruído, que é un xeito importante de contaminación".
Tamén estudan a introdución de bicicletas e autobuses eléctricos para reducir o número de coches.
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación: "Unha aposta polo medio ambiente, pola mobilidade sustentable e, en definitiva, pola sustentabilidade turística da Ribeira Sacra".
En circunstancias normais, anteriores á pandemia, a Ribeira Sacra viña rexistrando ao redor de 350 mil pernoctacións ao ano.