Proban con éxito a radioterapia para os enfermos máis graves de covid-19
Ábrese unha fiestra á esperanza para os enfermos máis graves da covid-19. Varios hospitais proban a radioterapia para reducir a inflamación dos pulmóns nos pacientes que teñen pneumonías graves.
Hai un século, os enfermos de pneumonías bacterianas recibían raios X para baixar a inflamación. A técnica caeu en desuso coa chegada dos antibióticos e agora recupérase modernizada para loitar contra a Covid.
A radiación que se aplica nos pacientes con coronavirus é 100 veces menor que a que recibe un enfermo de cancro. Esta terapia experimental está dirixida a pacientes con pneumonías moi graves.
En España a técnica estase probando en dous hospitais de Cataluña e un de Madrid. A idea é poder ampliar o estudo a máis hospitais entre eles, algún galego.
Segundo o xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS os primeiros resultados son "prometedores xa que os pacientes tratados melloraron do cadro de insuficiencia respiratoria".