CRTVG

Buscar

Prisión sen fianza para o presunto fratricida de Rábade

Publicado o 25/11/2019 14:11

Tras pasar dúas noites nos calabozos da comandancia da Garda Civil, o presunto fratricida de Rábade foi posto a disposición do xulgado de instrución número 3 de Lugo. O detido e mais a vítima, o seu irmán de 45 anos, residían xuntos no primeiro andar deste edificio da rabadense avenida da Coruña.

Dende que se produciu o seu arresto, José Luis Alonso Díaz, de 42 anos, negouse a declarar sobre o suceso, que causou unha fonda conmoción entre os seus veciños e que se produciu pouco despois de que morrese a nai de ambos por enfermidade.

"A nai morreu de morte natural o mes pasado. Vivía en Lugo co fillo máis novo, e os outros dous, que os criara a avoa, vivían aquí. A avoa morreu xa hai tempo e quedaron os dous". "É unha cousa moi triste. Non hai palabras para describir algo así".

Segundo o exame forense, a vítima morreu esganada, crese que a mans do seu propio irmán. Ademais, presentaba tamén un golpe na cabeza. Tras acollerse ao seu dereito a non declarar, o presunto fratricida ingresou en prisión sen fianza.

Noticias web

25/11/2019