CRTVG

Buscar

Prisión sen fianza para dous dos detidos por tráfico de drogas no poboado do Vao, en Pontevedra

Publicado o 05/06/2020 13:54

Primeira noite en prisión para dous dos 7 detidos esta semana por tráfico de drogas no Vao de Abaixo. Catro deles prestaban declaración nas últimas horas por videoconferencia ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra. O xuíz decretou para estas dúas persoas prisión provisional comunicada e sen fianza polo que a pasada noite foron trasadados dende a comandancia ata o cárcere da Lama. Ambos están a ser investigados por tráfico de drogas.

As outras dúas persoas que prestaron declaración quedaron en liberdade, igual que os tres detidos restantes. A Operación Desfiladero centrouse nunha vivenda do Vao de Abaixo que foi rexistrada minuciosamente pola Garda Civil e onde se aloxaban 6 dos detidos. Cans adestrados para a detección de substancias estupefacientes accederon a varias casas, onde localizaron as máis de 300 doses de cocaína, así como varias armas brancas.

A operación Desfiladero supón un duro golpe ao tráfico de drogas no Vao. A Garda Civil prosegue a investigación e poderían producirse novos arrestos. Trátase da segunda operación contra o tráfico de drogas no poboado este ano. No mes de marzo foran detidas 9 persoas.

 

Noticias web

05/06/2020