CRTVG

Buscar

Javier Miñones irá a prisión cando reciba a alta hospitalaria

Publicado o 22/05/2019 14:07

Javier Miñones permanece ingresado na unidade de presos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e cando sexa dado de alta será trasladado á prisión. Así o determinou a titular do Xulgado de Instrución nº1 de Corcubión, que onte pola tarde se presentou no hospital para regularizar a situación do sospeito que está custodiado. Tras tomarlle declaración decretou prisión provisional sen fianza e a prohibición de comunicarse por calquera medio coa vítima.

Respecto a Montse López, segundo fontes próximas, hoxe será dada de alta no CHUS, e tamén hoxe volveron á actividade na oficina do sindicato onde ela traballa e onde se produciu a agresión.

Vimianzo quere pasar páxina e volver á normalidade tras o episodio de violencia machista que sacudiu a vila a semana pasada. E todo camiña nesa dirección: esta mañá volvían á actividade na sede do sindicato onde traballa Montse, e onde se produciu a agresión. Onte retiráronlles o precinto policial e agora intentan recuperar a normalidade e agardan polo regreso de Montse. Fontes próximas aseguran que hoxe recibirá a alta hospitalaria xa que evolucionou moi ben das lesións e o seu estado de ánimo é óptimo. Así que ao longo do día de hoxe podería regresar á súa casa cos seus para repoñerse do pesadelo que viviu hai unha semana.

Noutro hospital, no Complexo Universitario da Coruña, no módulo de presos, permanece ingresado o suposto agresor, Javier Miñones. Cando sexa dado de alta será trasladado a prisión. Así o decretou a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Corcubión tras interrogalo onte no hospital. Acordou prisión provisional comunicada e sen fianza por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa. Ademais prohíbelle comunicarse por calquera medio coa vítima.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019