CRTVG

Buscar

Prisión provisional e sen fianza para o veciño de Ferrol acusado de acoitelar unha muller

Publicado o 04/01/2021 15:03

A agresión tivo lugar na mañá de Aninovo nunha estrada de Catabois, en Ferrol.

Contra as dez e media, a vítima, unha muller de 53 anos entrou nun negocio para mercar unhas flores para levar ao cemiterio situado a escasos metros. Unha hora máis tarde volveu, coa cara desfigurada, para que a socorresen.

A propietaria da florería manifestou que a muller estaba toda ensanguentada na cara e corpo.

"Tiña coiteladas, polo que nos dixo a policía. E o da cara tamén eran coiteladas que nós cremos que lle deran cun pau".

Nun primeiro momento, a policía prendeu como presunto responsable da agresión un home de 46 anos que vive de okupa neste inmoble. Pero el negou sempre os feitos e, tras pasar dous días nos calabozos, quedou en liberdade.

Raquel Pillado, que lle vendeu as flores, afirmou que a muller "chegou aquí co bolso e despois xa non o tiña. Podemos sacar conclusións de que a señora veu polo camiño e déronlle o tirón porque viña mollada, sucia, co abrigo roto. Viña bastante mal". Está fóra de perigo e na UCI.

A policía logrou prender outro home, de 63 anos, como sospeitoso de participar no acoitelamento. Pasou a disposición do xulgado de Instrución número 1 de Ferrol e a xuíza acordou para el a prisión provisional comunicada e sen fianza como investigado por un delito de lesións con instrumento perigoso.

 

Noticias web

04/01/2021